Veciños de Ons, fartos: "Levamos cos mesmos problemas 17 anos"
Por Alejandro Espiño
Os residentes en Ons aseguran estar "fartos" do trato que reciben das diferentes administracións. Aseguran que a illa padece "os mesmos problemas " que hai 17 anos e carecen de servizos "tan básicos e imprescindibles "como a auga ou a luz. E todo iso, ante a pasividade dos gobernantes.
Uns 80 veciños mantiveron unha asemblea para acordar as peticións que trasladarán á dirección do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Así, lembran que só teñen luz durante dez horas ao día. Reclaman que se lles aplique unha tarifa adecuada que lles permita ter electricidade durante as 24 horas.
O abastecemento de auga, denuncian, a pesar de ser un ben de primeira necesidade non chega a todas as vivendas da illa. Os veciños lamentan que leven anos esperando polo prometido encoro que se ía a realizar na parte alta de Ons.
Ademais, aseguran que o estado dos camiños é "deplorable", a pesar de estar comprometida a súa mellora desde fai cinco anos. "O pensar xeral é que están a esperar a que alguén se faga dano para que comecen a arranxalos", din os veciños.
A depuradora, "insuficiente e con cheiros cada dous por tres", permisos que se dilatan no tempo ou os cambios legais sobre a titularidade das vivendas son outras das súas preocupacións.
"A falta de información e a falta de interese por Ons é palpable cando se comproba que, ano tras ano, lles comunicamos as mesmas reivindicacións e nunca nos dan solución", aseguran os veciños da illa.
Nesta "falta de diálogo" coa dirección do parque, inclúen ao alcalde de Bueu. Reclaman que o Concello se poña á fronte destas reivindicacións para mellorar estes servizos e que apoie á illa como fan os concellos de Vigo e Vilagarcía con Cíes e Cortegada.
Á Xunta, por último, pídenlle que, igual que poñerá límites á entradan "tamén contemplen e consideren os dereitos que como veciños temos".
Relacionadas:
-
Os guías acreditados do Parque Nacional das Illas Atlánticas piden protección fronte o intrusismo
Por Oskar Viéitez |
-
Sabías que no Parque das Illas Atlánticas hai 46 especies distintas de bolboretas?
Por Oskar Viéitez |
-
Fixan en 1.800 o número máximo de visitantes ao día en Ons
Por Redacción |
-
Case 90.000 persoas desembarcaron este verán na illa de Ons
Por Redacción |