Comprometida cos valores do socialismo democrático, Mari Carmen Larriba non foi capaz de quedar de brazos cruzados despois de que se producise a dimisión de Pedro Sánchez e levoulle a esta tesitura de xaneiro de 2018: nova secretaria xeral da agrupación do partido en Pontevedra. Anteriormente fora concelleira no Concello de Pontevedra e delegada da Presidencia da Xunta na provincia.
A maior de cinco irmáns, asumiu a responsabilidade de non defraudar nos seus estudos superiores a Amador e Carmela. O aroma das mantecadas de nata que se facían en casa dos seus avós Aurora e León lévanlle ao nadal da infancia. Alumna de sobresalientes, estudou nas Calasancias e de alí, concretamente de quen era a súa profesora e logo foi compañeira de profesión, Mari Carmen Fernández Arruti, sacou a súa "paixón pola Historia e a Historia da Arte".
Moza "concienciada, comprometida e activa" politicamente durante a etapa universitaria, viviu a revolución estudantil da Transición en Santiago. Alí coincidiu co líder sindical Rafael Pillado ou co que logo sería empresario téxtil Adolfo Domínguez, entre outros moitos nomes. "As experiencias e emocións que puido vivir a miña xeración son inesquecibles", asevera Maica Larriba nesta Playlist de PontevedraViva Radio.
Tamén nesa etapa, e alí na cidade compostelá, coñeceu a un pontevedrés, que poucos anos despois converteuse no seu marido, Celso Malvar García de la Riega. Casou cando xa conseguiu exercer a súa profesión: "a máis satisfactoria e marabillosa do mundo, a docencia". Foi profesora en Vigo, Redondela, Marín e desde 1982 no Instituto da Xunqueira 1 de Pontevedra. Neste centro tivo como alumnos a actuais compañeiros de partido como Roxelio Pérez Agulla ou José Valcárcel.
Maica e Celso son pais de dous mozos: Anxo e Celso. Este último acaba de facelos avós, polo que Mario é desde finais do ano pasado "o neno dos seus ollos". E que ollos!.