Sanxenxo denuncia á Deputación por denegarlle unha subvención
Por Redacción
O goberno local de Sanxenxo decidiu interpoñer un recurso contencioso administrativo contra a Deputación de Pontevedra, por denegarlle unha subvención e co fin de que se esclareza cal é o motivo deste rexeitamento.
O pasado 24 de novembro, a Deputación comunicaba ao Concello de Sanxenxo a exclusión da convocatoria de subvención para investimentos en equipamentos e dotacións singulares na mellora do reequilibrio territorial dos servizos.
A Deputación sinala como motivo de exclusión do centro sociocultural de Vilalonga porque segundo as bases reguladoras quedan excluídos como beneficiarios os concellos que orzamentasen un importe superior a 600.000 euros na execución de infraestruturas de mobilidade por medio de convenios específicos de execución, executados, aprobados ou formalizados dentro do presente mandato.
De acordo cun informe de mobilidade datado o 26 de outubro de 2017, consta convenio co Concello para a execución do proxecto integral de mobilidade da Avenida Luis Rocafort cun orzamento de 1.650.759,28 euros.
Sanxenxo entende que este argumento non é certo en ningunha das dúas posibles interpretacións. A primeira delas, que faga referencia a que, no proxecto de reforma da Avenida Luís Rocafort, o Concello de Sanxenxo achegou unha cantidade superior a 600.000 euros. Asegura o goberno local que a achega municipal foi de 495.749,68 euros.
Engaden que se a Deputación entende que a exclusión se xustifica porque a administración provincial achegou máis de 600.000 euros no presente mandato para a reforma da devandita avenida, "tampouco é certo". Argumentan que no convenio asinado entre Sanxenxo e a Deputación detállase que as partidas coas que a institución provincial financia este proxecto corresponden aos orzamentos provinciais do ano 2014 e o ano 2015, sumando entre as dúas un total de 1.155.099 euros, pero en ningún caso foron orzados no presente mandato.
Esta subvención foi solicitada para rematar a edificación dunha construción interrompida en 2008, na que xa se investiron preto de 200.000 euros. A parcela está situada no Revel, e ten unha extensión de máis de 2.500 metros cadrados.
O orzamento de execución de obra ascende a 1.700.000 euros, e "o goberno dotará a Villalonga dun centro socio cultural local, con ou sen axuda da Deputación", sosteñen.
Relacionadas:
-
O PP pedirá unha comisión que investigue os motivos das demandas xudiciais dos concellos contra a Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo espera adxudicar as obras do novo centro sociocultural de Vilalonga antes de final de ano
Por Redacción |
-
Os veciños da avenida Luis Rocafort piden a zona azul para aparcar
Por Redacción |
-
O Partido Popular cre que o "sectarismo" está a marcar a política do goberno da Deputación
Por Anxo Lourido |
-
Sanxenxo destinará máis de 27.000 euros a obras de mellora nos centros educativos
Por Oskar Viéitez |
-
A polémica reforma de Luis Rocafort dá paso a unha nova avenida
Por Redacción |