Liberan un cabalo en Vilaboa que tiña as patas atadas cunha corda
Por Redacción
A Garda Civil liberou esta semana un cabalo que se atopaba nun monte de Vilaboa coas patas atadas cunha corda.
A alerta dun cidadán que chamou ao 062 levou aos axentes do servizo de protección da natureza (Seprona) a acudir á zona de Postemirón o pasado martes.
Ao chegar ao lugar, a patrulla do Seprona atopou ao cabalo nunha paraxe próxima á estrada. Tiña atadas cunha corda as dúas patas dereitas, algo que lle impedía considerablemente a liberdade de movementos.
Coas precaucións que requiren este tipo de actuacións, conseguiron achegarse ao animal e liberalo das súas ataduras, ao mesmo tempo que puideron comprobar que carecía do correspondente chip de identificación.
A Garda Civil busca agora identificar e localizar ao propietario do cabalo. Ao mesmo tempo, explican que se formulou a correspondente acta de denuncia administrativa que foi remitida ao servizo de Gandería da Xunta de Galicia.