Malestar en Protección Civil: voluntarios críticos coa xestión piden dimisións
Por Natalia Puga
O malestar chegou ao seo da agrupación de voluntarios de Protección Civil de Pontevedra. Un grupo de voluntarios críticos coa xestión do presidente do colectivo, Hermenegildo Novoa, pide a súa dimisión e cuestiona a forma na que foi reelixido no cargo o pasado verán e a súa actitude á hora de expulsar a dúas persoas nas últimas semanas. O responsable, pola súa banda, asegura descoñecer ese malestar.
Un grupo representativo de voluntarios denunciou, en declaracións a PontevedraViva, que o malestar vén de atrás, pero fíxose especialmente palpable desde o pasado verán tras un proceso que aseguran que foi "irregular" para reafirmar a Novoa como presidente durante catro anos máis.
Segundo explican, unha parte importante dos voluntarios nin sequera sabía con antelación que se renovaría o cargo. Citáronlles á habitual reunión mensual indicándolles "que estuviera el mayor número de voluntarios posibles" e, unha vez no encontro, "nos dijo que se autoproclamaba".
Sempre segundo a versión deste grupo de voluntarios críticos, que prefiren que non saian os seus nomes,"no se hizo votación, se reafirmó". Saíu elixido responsable tras unha votación a man alzada nunha reunión na que, ademais, había persoas sen dereito a voto.
Outro dos momentos que xerou malestar entre os voluntarios foi a expulsión hai dúas semanas de dúas persoas. Esa expulsión foi "mediante un WhatsApp" no que lles comunicaron que levaban 90 días sen responder as mensaxes recibidos e ese era motivo para botarlles da agrupación.
Os expulsados e outras persoas dos críticos coa xestión aseguran que consultaron a situación con fontes da Xunta de Galicia e indicáronlles que este proceso de expulsión non seguiu o trámite legal, senón que era necesario que se lle comunicase formalmente por carta e que se celebrase unha reunión que nunca se convocou indicándolles o motivo de non seguir contando con eles.
Estas persoas recoñecen que levaban un tempo con malas relacións na agrupación, pero non consideran que esta expulsión estea " justificada" nin, moito menos, que sexan formas botarlles dun lugar no que son voluntarios enviándolles un WhatsApp.
No transfondo de todas as críticas está a actitude dos responsables da agrupación, dos que aseguran que "han hecho que Protección Civil deje de ser una herramienta social" e tan só intervén en operativos como as cabalgatas e desfiles, en festas e aglomeracións cidadás como a procesión da Peregrina ou as festas dos Milagres de Amil ou en grandes citas deportivas.
Entre as súas críticas, insisten en que en moitas ocasións ofrecéronse voluntarios para intervencións e non lles deixan actuar. Ocorreu, por exemplo, durante a onda de incendios do pasado outubro. O domingo 15 ata 20 voluntarios ofrecéronse e non lles autorizaron a intervención.
Todas estas críticas e malestar queren trasladalas á concelleira de Seguridade, Carme da Silva, e o pasado 2 de xaneiro solicitaron por rexistro unha reunión con ela, pero ata o momento non tiveron resposta. Desde o Concello indican que esta petición aínda non chegou formalmente á mesa da edil responsable.