A Brilat volve á casa: "misión cumplida"
Por Redacción
"Misión cumplida: muy orgullosos de la misión que hemos hecho todos y el balance es muy positivo". A Brilat comezou este xoves o seu regreso da misión que o mantivo durante os últimos seis meses en Afganistán e fíxoo cun balance moi positivo do traballo realizado.
O comandante do primeiro batallón do rexemento Príncipe de Asturias da Brigada Juan Luis López Carranza, responsable do equipo de asesoramento militar (MAT) de Infantaría do próximo continxente ASPFOR XXXII que acaba de regresar de terras afgás, foi o responsable de falar aos medios de comunicación mentres 157 militares, 102 da Brilat, poñían pé en territorio español e se reencontraban cos familiares e amigos que foron a recibilos ao aeródromo militar de Lavacolla, en Santiago de Compostela.
Os aplausos repetíronse mentres o avión tomaba terra e as bágoas e abrazos cando os militares foron descendendo e, tras saudar aos seus mandos e escoitar a peza interpretada pola Banda da Brilat, se reencontraron cos seus.
Os 102 militares da Brigada con sede en Figueirido que chegaban nesta primeira rotación quedaron xa coa súa familia e os 55 que pertencen a outras unidades da Brilat e a distintas Brigadas dos tres exércitos que integraron o continxente puxeron rumbo a Madrid.
Mentres tanto, o comandante Carranza manifestaba o mesmo que dicían os carteis que salpicaban entre o público: que sente "mucha alegría" polo regreso e polo reencontro e que malia estar satisfeito coa misión que realizaban tiñan "ganas de venir".
Ademais, eloxiou a "amplia experiencia" dos soldados que integraron o continxente e cualificounos como "gente muy motivada y muy disciplinada" que cumpriu con éxito a misión en un escenario "tan esigente" como Afganistán.