Andrés Díaz dimite como secretario de organización do PSOE pontevedrés
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Partido Socialista de Ponte Caldelas vén de comunicar a dimisión de Andrés Díaz do seu cargo de secretario de organización provincial do PSOE pontevedrés.
Nunha carta datada este mércores 24 de xaneiro e dirixida ao secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE, David Regades, o alcalde de Ponte Caldelas di que "como xa che comuniquei verbalmente presento a miña dimisión" e engade coma un "prego" que se trasmita esta decisión ao resto dos membros da executiva.
"Deséxote os maiores éxitos tanto a ti como secretario xeral como a toda Executiva, na esperanza dun PSdeG-PSOE forte nesta provincia e que obteña uns magníficos resultados nas próximas eleccións municipais de 2019", continúa este escrito feito público na tarde deste mércores.
O comunicado non fala das razóns que levan a Andrés Díaz a tomar esta decisión e remata cunha despedida. "Estou á túa disposición para o que faga falta", dirixida a recentemente elixido secretario xeral provincial.
Con todo, si deu esta explicación aos seus compañeiros de partido:
"Ben sei que esta dimisión chega un mes despois da toma de posesión, pero o certo é que non estaba cómodo porque non compartía algunhas das actuacións emprendidas, nin tampouco outras en marcha. Non podo ocultar que discrepo da xestión orgánica emprendida e tampouco que estou moi molesto por outros temas que afectaron á xestión do Concello de Ponte Caldelas.
Cando tomei a decisión de presentarme ás últimas primarias provinciais socialistas foi para tentar cambiar as cousas na provincia, dar un paso a prol da integración entre todas as sensibilidades e, sobre todo, apoiar ás agrupacións locais, que son as grandes abandonadas.
Eses mesmos principios foron a base do acordo polo que xuntei a miña candidatura coa de David Regades.
A min ter un posto orgánico dábame igual, eu so quixen achegar a miña visión dende unha agrupación pequena á dirección do partido cun liderado compartido. Axudar ao meu partido, tendo moi claro que a miña principal ocupación e devoción é o servizo á veciñanza de Ponte Caldelas coa que estou comprometido ao 150%.
Marcho da executiva provincial con tranquilidade e desexándolle toda a sorte e os máximos éxitos. Estou seguro de que en 2019 vai haber moito que celebrar nesta provincia porque imos conquerir alcaldías e conseguiremos catro anos máis dunha Deputación moderna e ben afastada daqueles tempos caciquís do PP de Louzán.
A partir de agora estou a disposición do meu secretario xeral, tanto como alcalde como militante de base".
Relacionadas:
-
Luis Gómez Piña substitúe a Andrés Díaz como secretario de organización do PSOE
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas presenta un recurso ante Vigo contra a aprobación do convenio do trasvase
Por Redacción |
-
"Aire fresco" no PSdeG pontevedrés para "dar a batalla" ao PP nas municipais
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
David Regades, novo líder do PSOE na provincia de Pontevedra
Por Diego Torrado & Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Andrés Díaz sopesa presentarse ás primarias para liderar o PSOE provincial
Por Redacción |