Os actos vandálicos cébanse con Marín, con danos na Finca de Briz e un parque infantil
Por Redacción
Os actos vandálicos están a cebarse nos últimos días con distintos espazos púbicos de Marín. Os dous últimos casos dos que tivo coñecemento o Concello ocorreron na coñecida como Finca de Briz e un parque infantil do Paseo Alcalde Branco.
En relación coa Finca de Briz, rexistráronse desfeitas e pintadas na entrada e na zona do escenario, con danos graves como a rotura de madeiras do chan que provocan que haxa que proceder a reparalos.
Os danos non son só estéticos, senón que na zona do escenario causáronse danos que hai que reparar de forma inmediata porque pode xerar situacións de perigo para nenos que están polo parque e poden resultar danados.
No caso do parque infantil, as desfeitas afectan a un tramo importante do valado que protexe esta zona de recreo. O Concello xa procedeu á súa colocación e execución para permitir que se poida volver utilizar.