O Sergas inicia as obras de ampliación das dependencias de Atención Primaria no PAC de Cerdedo
Por Redacción
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) acaba de iniciar as obras de ampliación das dependencias de Atención Primaria no Punto de Atención Continuada (PAC) e centro de saúde de Cerdedo, nas que se investirán uns 15.000 euros para a modernización das instalacións e a consecución de maior superficie para o desenvolvemento da actividade sanitaria e das consultas aos usuarios.
Esta nova mellora céntrase na área de Atención Primaria, situada na entrada deste edificio asistencial, e consistirá nunha ampliación arquitectónica con posibilidades de usos polivalentes, na dotación de conexión á rede telemática de voz e datos do Sergas e no aproveitamento da iluminación natural a través dunha ventá de grandes dimensións.
Deste xeito, pretende mellorarse a atención e confortabilidade destas instalacións asistenciais, que dispoñen de Punto de Atención Continuada (PAC) para cubrir as urxencias da bisbarra, Atención Primaria, consultas para Medicina Xeral, Enfermería, Pediatría e Sala de Extraccións e unha área de traballo e estancia para o persoal sanitario.
O vicepresidente municipal, José Balseiros, quixo destacar a importancia desta actuación "para seguir na nosa liña de constante renovación e mellora dos servizos públicos e de atención aos nosos veciños" e recalcou que para o goberno local "son da máxima prioridade os investimentos en eidos sociais, como a educación, a sanidade e os servizos sociais".
Ademais, indicou que trátase da segunda obra que arranca en Cerdedo neste mes de xaneiro, tras o recente comezo dos traballos para a reurbanización da Praza do Concello, e amosouse confiado en que o PAC estará listo, tal e como anunciou Sanidade, antes de primavera.