Un mando da Garda Civil certifica que os axentes 'chivatos' de narcos filtraban información confidencial
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A estratexia defensiva dos dous axentes da Garda Civil acusados de filtrar información sensible e confidencial de operacións a narcotraficantes viuse debilitada este mércores. Na segunda sesión do xuízo contra ambos e a súa presunta ligazón cos narcos que se celebra na Audiencia Provincial de Pontevedra, o responsable da unidade ECO Galicia desmontou os seus argumentos e puxo sobre a mesa que co seu proceder mesmo se puxo en perigo a vida de persoas que aparecían como confidentes policiais nun dos arquivos filtrados.
O responsable do Equipo contra o Crime Organizado (ECO) Galicia, con sede en Pontevedra, declarou durante máis de tres horas ante o tribunal da Sección Cuarta da Audiencia e, un por un, foi botando por terra as declaracións dos tres acusados durante a primeira sesión da vista oral, en especial, as do procesado Javier López, que era o seu subordinado nesta unidade especializada no momento no que presuntamente realizaba esa segunda actividade como 'chivato' dos narcos.
Este mando policial explicou que empezaron a ter sospeitas de que tiñan un 'topo' na unidade en febreiro de 2013 tras varias filtracións, de modo que el e o seu segundo de abordo informaron os superiores de Madrid e realizaron as primeiras investigacións. "Al principio nos costaba muchísimo creerlo", asegura, pero aos poucos "esas sospechas las terminamos confirmando poco a poco".
Este tenente abriu unha investigación interna na que nun principio non se sospeitaba de ninguén, pero logo centrouse en López porque un día saíron todos os compoñentes do equipo ao café excepto el e, cando chegaron, uns compañeiros víronlle en actitude sospeitosa nun computador que mesmo estaba lonxe do seu posto de traballo e cun pendrive que retirou. Acudiron a ese computador e comprobaron que estaba a consultar información sobre dilixencias en marcha.
OPERACIÓN FICTICIA COMO 'TRAMPA'
Aquilo "no tenía lógica ninguna" e menos que vísenlle cun pendrive, de modo que empezaron a sospeitar del. Avanzadas as pescudas, decidiron montar unha suposta operación ficticia, á que bautizaron como 'Aluminio' e que se centraba supostamente no terceiro acusado nesta causa, Juan Carlos Santórum, con antecedentes policiais por narcotráfico, pero nunca condenado por esta actividade.
Naqueles momentos, Javier López estaba de baixa médica, pero aproveitou unha visita ao médico da Comandancia para acudir ás oficinas. Ese día foi detido en poder un pendrive con numerosa información sensible extraída sen permiso dos computadores da súa unidade, entre eles, a relativa a esa operación ficticia, pero tamén fichas persoais de fontes vivas de ECO, datos de vehículos policiais e fichas persoais dos seus compañeiros. Caera na especie de 'trampa' que lle poñían e púidose confirmar que era el quen extraía información dos computadores sen permiso. Desa información, 2.000 arquivos foron localizados en posesión do outro garda acusado, Diego Fontán, e 500 de Juan Carlos Santorum.
"Nadie puede tener esa información sin una finalidad que no sea ilícita"
Durante a súa declaración na Audiencia, o acusado asegurou que collera esa información para levar o traballo a casa e poñerse ao día da operación antes da súa inminente incorporación, pero o tenente asegurou ao tribunal que "no es normal ni habitual que se lleven a su casa los informes". Ademais, dos outros 19 compoñentes de ECO Galicia "ningunó buscó la información".
"Nadie puede tener esa información sin una finalidad que no sea ilícita", sostivo este mando policial, que tamén desmontou o argumento de Diego Fontán, que estaba destinado na Policía Xudicial da Garda Civil e indicou que tiña 2.000 arquivos no seu computador porque llo facilitou Javier López para que lle axudase cunha investigación.
Segundo sostivo, "habitualmente, si a una unidad le interesa información concreta, se suele preguntar a quien dirige esa unidad", pero nunca se realizan eses intercambios de información entre gardas con distintos destinos profesionais. Entre algúns compañeiros"puede haber un intercambio concreto, pero nunca en esa cantidad", explicou, pois os arquivos filtrados foron 2.500.
"Lo que más nos ha ofendido a los compañeros es que se puso en peligro a gente"
O mando policial tamén trasladou o seu malestar porque "una pequeña filtración de una persona investigada puede puede trastocar meses de trabajo" e, neste caso, filtráronse tamén datos de confidentes que "lo que más nos ha ofendido a los compañeros es que se puso en peligro a gente". Eses datos, ademais, sobre fontes vivas "no es habitual ni normal consultarlos" e mesmo para acceder a eles é necesaria unha clave que o acusado non debería ter.
A segunda sesión incluíu a declaración por videoconferencia do antigo responsable de ECO Galicia, que tamén constatou que Javier López, na súa etapa á fronte, realizaba labores operativos, non de despacho, e que "non tiña lóxica" que a información de operacións saíse da unidade. Tampouco ve lóxico que este acusado sacase unha foto directamente a unha pantalla de computador con información sensible, como si se constatou que facía.
Relacionadas:
-
Polo menos 7 detidos nunha nova operación antidroga, entre eles, Juan Carlos Santórum
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Seis anos e medio de prisión para dous gardas civís por filtrar arquivos confidenciais a narcos
Por Natalia Puga |
-
A Fiscalía mantén a petición de penas para dous gardas civís acusados de filtrar información a narcos
Por Oskar Viéitez |
-
Compañeiros dos gardas civís acusados de 'chivatos' confirman que as filtracións terminaron coa súa detención
Por Natalia Puga |
-
O xuízo contra os gardas 'toupas' de narcos, suspendido pola folga da xustiza
Por Natalia Puga |
-
Dous gardas civís acusados de ser 'toupas' de narcos negan as filtracións de arquivos confidenciai
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Dous ex gardas civís irán a xuízo por ser 'topos' de narcotraficantes
Por Natalia Puga |