Besteiro aposta por un PSdeG "claramente galego" pero "compartindo un rumbo co partido en Madrid"
Por Oskar Viéitez
O aspirante á secretaría xeral presentou este xoves o seu proxecto en Pontevedra para un PSdeG claramente galego "que sexa autónomo nas súas decisións, que sexa independiente no día a día, que faga desa singularidad de ser galego un valor, pero tamén que teña calro que compartimos un rumbo co partido en Madrid".
José Ramón Gómez Besteiro asegurou vir a Pontevedra "a falar pero tamén a escoitar" as aportacións dos afiliados e responder preguntas sobre o modelo orgánico e político do futuro.
"Quero converter ó PSdeG na esperanza de todos os galegos que se esforzan para saír da crise", engadindo que, "se eu hoxe podo ser útil para o partido, paréceme unha obriga moral comprometerme".
Besteiro engadiu a necesidade de construír un PSdeG "renovado, unido e cada vez máis forte, polo que necesitamos medrar para recuperar a confianza da cidadanía".
O Comité Nacional do PSdeG, máximo órgano entre congresos, reunirase o próximo día 26 de abril para someter a votación o proceso que o partido decidiu facer entre a militancia para a elección de novo secretario xeral.
O pasado 19 de marzo o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, e o secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, chegaron a un acordo para que se poidan celebrar un proceso que permita aos militantes galegos pronunciarse sobre a quen prefiren como novo líder do partido en Galicia.
A ese respecto Besteiro comentou que "eu estou comprometido coa máxima un militante un voto, eu non perdo a ilusión".