O PP do Grove traslada á Xunta as demandas veciñais sobre transporte e educación
Por Oskar Viéitez
A portavoz do PP no Grove, Beatriz Castro, trasladou ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, as demandas veciñais en relación ao transporte e a educación.
En relación ao eido do transporte, os populares do Grove explicaron a preocupación que existe entre os veciños de San Vicente a raíz da desaparición do servizo que vai entre a Estación de Autobuses, A Lanzada, San Vicente, Reboredo, Estonllo e Os Campos.
Consideran que sería esencial a recuperación desta ruta, posibilidade que, segundo lle trasladou Cores Tourís, está a ser avaliada nestes intres polos técnicos do servizo de Mobilidade da Xefatura Territorial de Infraestruturas en Pontevedra.
Neste mesmo senso, os populares tamén solicitaron que se recupere tamén a parada final da ruta na estación de autobuses no caso do proxecto de Castromil, algo que, na actualidade, non se contempla.
En relación as cuestións educativas, a portavoz popular tamén quixo informarse sobre a negociación entre o equipo de goberno local do Grove e a Xefatura Territorial de Educación para a creación dun comedor nas antigas casas de mestres do CEIP Rosalía de Castro, destacando a gran demanda da comunidade educativa neste senso.
O delegado territorial díxolle que xa se lle transmitiu ao concello do Grove a necesidade de que a Policía Local comprobase a actual situación das vivendas e dos seus posibles usuarios de cara a que se solicite a desafectación para futuros usos deses espazos, "entre os que se poderá incluír o demandado servizo de comedor".