Preparados, listos... a gatear!
Por Redacción
Estimular as habilidades motoras dos pequenos. Con ese obxectivo, os nenos matriculados nas Escolas Infantís Municipais O Tombo e O Revel de Sanxenxo participaron este xoves nunha carreira de gateo. E con reparto de medallas incluído, xa que os gañadores subíronse a un podio coma se dos Xogos Olímpicos se tratase.
A competición realizouse nun circuíto no que os nenos e nenas debían sortear diferentes elementos e obstáculos, favorecendo deste xeito o fortalecemento e desenvolvemento dos músculos e da estrutura ósea.
Ademais, esta iniciativa ten como obxectivo cumprir un destacado papel no desenvolvemento evolutivo dos menores, ao aportarlle autonomía e contribuír a fomentar a súa confianza.
A través desta acción poténciase a atención e a estimulación necesaria e favorécese o desenvolvemento doutras habilidades, tanto intelectuais como afectivas, como a visión, o equilibrio ou a orientación.