A Deputación aproba as bases para conceder préstamos sen xuros aos concellos
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases para a concesión de préstamos sen xuros por valor dun millón de euros dirixidos aos concellos de menos de 50.000 habitantes que o soliciten.
Segundo informou en rolda de prensa a presidenta da administración provincial, Carmela Silva, estas achegas teñen por obxectivo facilitar aos concellos unha fonte de financiamento co que poder afrontar a execución de investimentos incluídos en plans provinciais ou municipais ou en programas de investimentos con outras administracións e, excepcionalmente, con destino ao financiamento de operacións de tesourería para facer fronte a desfases transitorios ou necesidades urxentes.
Carmela Silva destacou que estes préstamos non teñen xuros, nin comisións, nin gastos doutro tipo "algo que non acontecía co anterior Goberno" cando se concedían préstamos e anticipos con intereses situados no 2%, "algo que nós decidimos suprimir" xa que o bipartito PSOE – BNG considera que estas achegas son "un instrumento máis de planificación de políticas públicas" e deste xeito se contribúe a "facilitar e mellorar a situación que están a vivir os concellos da nosa provincia".
Os concellos de menos de 50.000 habitantes interesados en solicitar estes préstamos deberán presentar a súa solicitude nun prazo de 20 días hábiles contados a partir da publicación do extracto das bases no Boletín Ofiicial da Provincia.
En xeral, poderán solicitar estas achegas os concellos que teñan aprobado o orzamento para o exercicio corrente ou, no caso de prórroga, cumprir co previsto na lexislación. Amais, tamén deberán cumprir co previsto na lexislación relativo á concertación de operacións de crédito e non ter pendentes de pagamento cotas de amortización de préstamos contraídos coa Deputación.