Sete anos de prisión para un empresario por quedar co diñeiro de dúas casas de madeira que non entregou
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a sete anos de prisión ao empresario de Viascón (Cotobade) José Manuel Moure Rey como autor dun delito continuado de apropiación indebida por quedarse co diñeiro que dúas familias de Tomeza e Campo Lameiro déronlle para que lles fixese senllas casas prefabricadas de madeira que nunca chegou a instalar.
A sentenza da Sección Segunda da Audiencia aplícalle a circunstancia agravante de reincidencia e tamén lle impón 20 meses de multa cunha cota diaria de 20 euros. Ademais, a súa empresa debe pagar unha multa de 309.444 euros e o fallo xudicial acorda a disolución da súa personalidade xurídica.
En concepto de responsabilidade civil, deberá indemnizar con 57.360 euros ao matrimonio de Tomeza afectado e con 20.000 euros á familia de Campo Lameiro á que tamén cobrou de forma indebida por unha casa nunca finalizada.
A sentenza, contra a que cabe recurso ante o Tribunal Supremo, supón un punto e aparte nun proceso xudicial de varios anos que, ademais, tivo que convocarse seis veces antes de lograr celebrarse. O xuízo quedou visto para sentenza o pasado 21 de novembro, máis dun ano despois de que a Audiencia Provincial citase ao acusado por primeira vez. Previamente, en xaneiro de 2017, o xuízo xa se celebrou, pero foi necesario repetilo por un problema no sistema de gravación da sala de vistas.
O empresario xa fora condenado por diferentes xulgados de Santiago de Compostela en tres ocasións: por un delito de apropiación indebida no ano 2001, por un delito de estafa en 2005 e por outra estafa en 2007.
O delito polo que acaba de ser condenado cometeuno utilizando unha empresa de construción, fabricación, exportación, compra e venda de todo tipo de casas prefabricadas con sede en Viascón. Nos dous casos polos que foi condenado, o fallo xudicial sostén que "se apropiou con ánimo de lucro, das cantidades percibidas sen darlles o destino previsto contractualmente, e sen devolver o diñeiro cando foi requirido para iso".
A primeira das casas coas que a sentenza considera que cometeu o delito de apropiación contratoulla un matrimonio de Tomeza que lle contratou unha casa por 72.200 euros e deulle 57.360 antes de decidir demandarlle porque non cumpría co seu parte do acordo. Non chegou a construír máis nada que as cimentacións e algunhas pequenas obras, pero quedou co diñeiro.
Esta parella contratoulle a vivenda para destinala a primeira vivenda cos seus dous fillos menores e, tras pagarlle todo ese diñeiro, tiveron que aloxarse provisionalmente en casa dos pais dela porque non tiñan casa propia.
O segundo caso xulgado e conenado refírese a unha familia de Campo Lameiro que lle contratou unha vivenda unifamiliar de madeira valorada en 50.000. Xa no momento da firma do contrato, pagáronlle os 20.000 euros que acordaran por escrito para que puidese empezar coa elaboración da casa, pero o acusado, como ocorreu co caso anterior, recibiu esa cantidade e "destinouna a outros fins, incorporándoa de maneira ilegal ao patrimonio da empresa".
O demandante, ao ver que o tempo pasaba e a casa non se estaba construíndo, decidiu rescindir o contrato, esixindo a devolución do diñeiro. Chegaron a subscribir un documento de recoñecemento de débeda e o acusado entregoulle catro pagarés de 5.000 euros, pero a vítima nin puido cobralos porque a conta non tiña fondos.
Relacionadas:
-
Visto para sentenza o xuízo contra o acusado de estafar dúas familias que lle contrataron casas de madeira
Por Natalia Puga |
-
E á sexta convocatoria... celebrouse o xuízo contra un acusado de estafar a compradores de casas de madeira
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Cando os problemas técnicos dificultan impartir xustiza
Por Natalia Puga |
-
Contrata unha casa de madeira e queda coas ganas e sen diñeiro: "Ao final, nin casa nin nada, unha burla"
Por Natalia Puga |
-
A familia que soñaba cunha casa de madeira e acabou estafada
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |