Reanúdanse as obras de rehabilitación do estaleiro da Banda do Río
Por Redacción
O estaleiro da Banda do Río, tamén coñecido como de Purro, reanuda os traballos de rehabilitación que se están levando a cabo con cargo ao Plan Concellos 2016 da Deputación de Pontevedra.
Durante a visita realizada ás obras, por parte de Félix Juncal, alcalde de Bueu, xa se informou que nas semanas anteriores se retiraron as pranchas de fibrocemento e tamén se estivo valorando o estado dos piares da estrutura, amais de buscar alternativas sobre a madeira a empregar.
Así mesmo, as obras avanzan e dende este xoves a empresa adxudicataria, Coviastec, xa se atopa traballando de novo, para poder rematar a obra no prazo de execución, que será ao longo do mes de maio.
O rexedor valorou que "é unha boa noticia porque estamos diante dunha obra complexa, con dificultades, pero na que por parte da empresa existe vontade de ir buscando solucións". Juncal refírese a que é necesario estar avaliando continuamente o estado de conservación da estrutura e das pezas que nela se atopan, dado que estamos diante dun elemento patrimonial dun valor incalculable.
A restauración do estaleiro da Banda do Río é un dos proxectos punteiros do goberno local, xa que se trata do único estaleiro da ría de Pontevedra que conserva unha carpintería de ribeira, unha característica da idiosincrasia dun pobo mariñeiro. O estaleiro sitúase no dominio do Ministerio de Medio Ambiente, aínda que foi informada a súa concesión para as obras ao Concello de Bueu fai xa dous anos.
O proxecto de rehabilitación desta primeira fase foi adxudicado á empresa Coviastec por un importe de 209.012 euros IVE engadido. Nestas obras está prevista a consolidación estrutural, ademais da substitución de todos os elementos de cubertas e a execución dun peche perimetral de vidro e madeira que permita a visión dende o espazo urbano da estrutura do estaleiro.
Esta primeira fase, que rematará a comezos da primavera, complementarase cunha segunda, que vai con cargo ás axudas do Grupo de Acción Local da Ría de Pontevedra (GALP), e que incluirán o acondicionamento do lugar con contidos expositivos, museísticos, unha pasarela de madeira interior, iluminación e vídeo vixilancia. A idea é, pois, que no interior se manteñan unha exposición de embarcacións tradicionais, e que exista un espazo para a realización de actividades divulgativas.
O Concello xa dispón dunha páxina web específica sobre o estaleiro, con información sobre o proxecto e o concurso de ideas, cunha breve referencia á carpintaría de ribeira e ás embarcacións tradicionais que tanta relación teñen con el.
Na visita estiveron presentes o alcalde, os concelleiros Martín Villanueva e Silvia Carballo, o arquitecto municipal, Fernando Baeza, a directora do Museo Massó, Covadonga López, o presidente da Asociación de Embarcacións Tradicionais Os Galos e a empresa adxudicataria.
Relacionadas:
-
Costas autoriza a segunda fase do estaleiro da Banda do Río
Por Redacción |
-
A rehabilitación do estaleiro de Banda do Río, en marcha
Por Redacción |
-
O GALP Ría de Pontevedra presenta en Bueu o seu programa de axudas
Por Redacción |
-
Bueu recibirá máis de 100.000 euros para seguir rehabilitando o Estaleiro da Banda do Río
Por Redacción |
-
Bueu aproba os seus orzamentos 2016, que inclúen 315.000 euros para rehabilitar o estaleiro de Banda do Río
Por Redacción |