Cinco roteiros urbanos para que os pontevedreses descubran recunchos inéditos da cidade
Por Alejandro Espiño
Descubrir recunchos inéditos da cidade para moitos pontevedreses. ÿ o obxectivo principal dos roteiros temáticos urbanos impulsados pola Concellaría de Patrimonio Histórico de Pontevedra. Trátase de cinco saídas que permitirán descubrir os pequenos recantos, os xardíns, os conventos, as arquitecturas contemporáneas e os espazos da heterodoxia de Pontevedra.
Con esta iniciativa, o Concello de Pontevedra pretende descubrir, segundo Luis Bará, "a outra cidade, a que non vemos habitualmente debido ás presas e ás urxencias cotiás, a que se agocha nos grandes edificios ou nos pequenos detalles, unha Pontevedra, en fin, sedutora, cálida, inédita, para degustar pausadamente en cinco xornadas de sábado".
Bará destacou que o público principal ao que están destinados estes roteiros son os propios cidadáns de Pontevedra, "para que coñezan mellor a cidade porque coñecela é unha maneira de querela, de defendela e promocionala". Será unha actividade gratuita e na que participarán entre 30 a 40 persoas por cada unha das saídas.
O programa comeza o sábado 27 de abril e continúa os sábados de maio ata o día 25. A duración estimada é entre 2 e 3 horas, con comezo ás 11 da mañá. As prazas son limitadas e haberá inscrición previa, a través da entrada Actividades Patrimonio, na páxina web www.pontevedra.eu, de luns a venres antes de cada roteiro.
-
Sábado 27 de abril. Recantos con encanto, guiado por Ramón Rozas. Saída da praza da Leña. No percorrido visitarase a praza de Méndez Núñez (Valle Inclán e placa de Méndez Núñez); praza da Verdura (fonte, Casa da Luz e fiestra medieval), A Ferraría (Casa das Caras, Xardíns e fonte, rosetón de San Francisco), A Peregrina (tondo no altar do santuario e figura de Teucro, estatua do Ravachol), As Palmeiras e Alameda (Monumento aos Navegantes, azulexos de Carlos Sobrino, monumento dos Heroes de Ponte Sampaio), busto de Manuel Quiroga...
- Sábado 4 de maio. Conventos e igrexas medievais, conducido por Carmela Sánchez Arines. Inicio ás 11 horas na igrexa de San Francisco. Percorrido por San Francisco (igrexa e claustro), Ruínas de San Domingos, espazo de San Bartolomeu o Vello (Teatro Principal) e igrexa de Santa Clara.
- Sábado 11 de maio. Xardíns históricos e hortas urbanas, conducido por Jaime Blanco Dios, coautor de As árbores de Pontevedra. Inicio na antiga delegación de Sanidade (Avda de Vigo). Visitaranse os xardíns históricos da cidade e outros non tan coñecidos como o da antiga delegación de Salidade ou a Casa dos Muruais.
-
Sábado 18 de maio. A arquitectura urbana contemporánea. En colaboración co COAG-Pontevedra, conducido por Marta Guirado e Diego Germade. Saída do ambulatorio Virxe Peregrina. Farase un percorrido por edificios contemporáneos como o Ambulatorio da Virxe Peregrina e inmobles da cidade de arquitectos como De la Sota, Xosé Bar Boo, César Portela, José Basilio Bas e José Antonio Corrales ou José Taracido Fraga.
-
Sábado 25 de maio. A heterodoxia en Pontevedra, conducido por Olga Conde. Saída do palco da Alameda. Tal vez o roteiro máis singular dos cinco permitirá visitar a Deputación e Concello de Pontevedra en relación ao librepensamento e laicismo no XIX (Indalecio Armesto); Casa de Eulogio Fonseca-sala de reunións masónicas (Arquivo Histórico); Casa dos Pintos Fonseca (loxa Marco Aurelio, teosofía); imprenta de Joaquín Poza Cobas na rúa Michelena (prensa, a familia Poza); farmacia de Joaquín Maquieira na rúa Michelena (loxa masónica e faladoiro); e a Escola Laica dos Poza na rúa Andrés Muruais.