Sanxenxo, presente un ano máis en Fitur
Por Redacción
O pavillón 9 de IFEMA conta, na súa entrada, con dúas tótems promocionais de Sanxenxo. É unha das accións que o goberno municipal deseñou para acompañar a presenza do municipio na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que comezou este mércores en Madrid.
A intención do Concello é mostrar na feira algúns dos atractivos turísticos do municipio.
A participación de Sanxenxo nunha das feiras turísticas máis importantes do mundo está localizada a través da caseta de Galicia. Nela, os visitantes poden obter ampla información sobre as accións postas en marcha por Turismo de Sanxenxo.
O alcalde, Telmo Martín, que estivo acompañado do tenente alcalde e o concelleiro de Turismo, participou, entre outros actos e reunións, nunha recepción por parte do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na caseta de Galicia, quen mostrou especial interese no material promocional do municipio.
O concurso #meencantasanxenxo, ademais, está a ter unha gran acollida entre os visitantes á feira, que xa se animaron a sacarse as primeiras fotos nos tótems instalados.
#meencantasanxenxo é un concurso de selfies en redes sociais co que se sortearán entre os participantes numerosas estancias no municipio durante este ano 2018.
Ademais doutras conferencias e reunións, a delegación de Sanxenxo en Fitur participou tamén na presentación de Galicia Surfing.
Trátase dun novo produto posto en marcha pola Xunta de Galicia, que ofrecerá experiencias de viaxe que permitan gozar durante todo o ano do gran potencial turístico que ten a comunidade galega en actividades vinculadas ao mar, como o surf.
Galicia Surfing identifica un centenar de praias aptas e idóneas para o surf. Sanxenxo forma parte desa listaxe con praias como Montalvo, A Lanzada e Canelas.