O plan piloto de compostaxe esténdese a Tenorio, Viascón, San Xurxo e Santa María de Sacos
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vai emprender unha nova fase do seu plan piloto de compostaxe e vai estendelo, neste ano 2018, ás parroquias cotobadesas de Tenorio, Viascón, San Xurxo e Santa María de Sacos.
Esta actividade de reciclaxe de residuos orgánicos desenvolveuse con éxito na súa posta en marcha en Cerdedo en 2016 e tamén nas zonas de Corredoira, Caroi e Carballedo durante 2017 e agora vai seguir ampliándose polo territorio municipal grazas ao financiamento acadado pola concesión dunha segunda subvención ao abeiro do proxecto PIMA Residuos do Ministerio de Medio Ambiente.
Esta nova fase prolongarase durante as anualidades 2018 e 2019 e chegará a un total de 200 vivendas, correspondendo cen delas ás catro parroquias citadas e ao presente exercicio.
Posteriormente, o Concello ten previsto completar a implantación do proxecto en todo o termo municipal en 2019 co seu desenvolvemento nas seis restantes do territorio de Cotobade: Augasantas, Rebordelo, Borela, Almofrei, Loureiro e Valongo.
En canto á actividade para o presente ano, os veciños de Tenorio, Viascón, San Xurxo e Santa María de Sacos que estean interesados en participar deben inscribirse ata o 5 de febreiro acudindo ás oficinas municipais ou a través de correo electrónico ou chamada telefónica, tendo prioridade aqueles que estean empadroados.
As familias participantes recibirán, tras a obrigatoria asistencia á charla de formación, un cubo para almacenar os restos de comida na cociña, un composteiro, un aireador, un manual e un imán identificativo como guía. Así mesmo, terán á súa disposición un servizo que lles proporcionará o material estruturante necesario para mesturar cos seus restos de comida.
Os participantes serán asesorados durante todo o proceso e faráselles un seguimento trimestral para comprobar o funcionamento do composteiro, corrixir posibles malas prácticas e comprobar os resultados, xa que se leva un control numérico da redución de residuos e se publican os resultados globais na páxina web do concello.
Relacionadas:
-
Cotobade comeza a cuarta fase do plan de compostaxe doméstica
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade activa un composteiro comunitario no colexio de Tenorio
Por Redacción |
-
O PSOE reclama seguridade na ponte colgante de Tenorio e no paso elevado da N-541
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Cerdedo-Cotobade impulsa novos plans de reciclaxe
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade instalará colectores para depositar aceite e modernizará o punto limpo
Por Redacción |
-
Rebaixa dun 10% na carga fiscal dos contribuíntes en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
O plan piloto de compostaxe esténdese á parroquia de Carballedo
Por Redacción |