Benito Gama, proposta de Maica Larriba para presidir o PSdeG-PSOE en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Maica Larriba, polo momento a única persoa que oficialmente presentou a súa candidatura para dirixir o PSdeG-PSOE na cidade de Pontevedra, segue dando pasos para completar o seu equipo. A este respecto, anunciou este luns que propoñerá a Benito Gama, histórico militante socialista, como novo presidente do partido.
Benito Gama aceptou esta proposta e, segundo Larriba, é unha "honra" poder contar con el para esta responsabilidade. Trátase, engadiu, dun "pequeno recoñecemento" a toda a súa traxectoria dentro da familia socialista.
"Benito é un militante recoñecido e respectado pola organización", sinalou a candidata á secretaria xeral, que lembrou que unha "parte importante" da súa vida dedicouna á defensa dos traballadores á fronte de UXT -entre 1986 e 1998- e ao "compromiso" cos valores do "socialismo democrático".
Ademais, engade que é un socialista "por historia familiar e persoal". Foi ademais concelleiro na corporación municipal de Pontevedra entre 1983 e 1987.
Nos seus anos á fronte da secretaria xeral do PSOE de Pontevedra -de 1999 a 2004-, destaca Maica Larriba, Benito Gama traballou "intensamente" pola unidade dentro do partido e por recuperar as "boas relacións" entre a militancia "con xenerosidade e sen pedir nada a cambio".
Entende que a agrupación socialista de Pontevedra "está en débeda con el" pola súa dedicación como militante e como dirixente sindical.
A súa proposta como presidente, conclúe, é un "pequeno xesto" cara un compañeiro "ao que tanto temos que recoñecer e agradecer".