Pontevedra é a capital galega na que máis subiu o aluguer de vivenda
Por Redacción
A cidade de Pontevedra é a capital galega na que máis subiu o aluguer de vivenda. De media os alugueres na cidade do Lérez sitúanse nos 570 euros ao mes segundo os datos do pasado mes de decembro, o que supón un incremento dun 10,37% respecto ao mes anterior.
Con todo os alugueres máis caros páganse na Coruña. A cidade herculina con 622 euros ao mes presenta a renda mensual máis elevada de Galicia. No lado oposto sitúase Lugo, que cos seus 420 euros de renda media mensual en decembro de 2017 é tamén a quinta provincia máis alcanzable de España.
Estes son datos do informe anual de prezos de aluguer da web www.pisos.com. Este informe tamén detalla que o piso tipo de aluguer en Galicia rexistrou en decembro de 2017 unha superficie media de 97 metros cadrados e unha renda media de 519 euros mensuais, o que supuxo un ascenso mensual do 2,32%, o máis marcado de España.
Galicia foi a terceira autonomía coa mensualidade máis barata para os inquilinos, por detrás de Estremadura (442 euros/mes) e Castela-A Mancha (487 euros/mes).
Pola súa banda, o piso tipo de aluguer en España finalizou o pasado mes de decembro cunha superficie media de 112 metros cadrados e unha mensualidade media de 752 euros, o que supuxo un recorte mensual do -0,53%.