Carlos Varela: "Non necesitamos 30.000 sentenzas, sería suficiente unha extensiva aos miles de afectados"
Por Natalia Puga
Nas últimas semanas ditáronse por toda a xeografía galega resolucións xudiciais favorables a afectados pola comercialización de participacións preferentes e subordinadas, todas elas "sentenzas que obedecen a preitos individuais" e que "utilizan os mesmos argumentos". Sobre a base destes antecedentes e como resposta á demanda colectiva imposta pola Fiscalía Superior de Galicia, o fiscal xefe da comunidade, Carlos Varela, opina que "non necesitamos 30.000 sentenzas, senón que sería suficiente cunha sentenza que utilizase eses argumentos e que os fixera extensivos a todos os miles de prexudicados".
Carlos Varela realizou estas declaracións este mércores na biblioteca pública de Marín, onde deu unha charla sobre corrupción sistémica invitado polo Club de Opinión Portocelo. Presentado polos xornalistas Eugenio Giráldez e Ángel Carragal, estivo acompañdo por decenas de afectados polas preferentes de distintas plataformas dos arredores e representantes do mundo xudicial como o fiscal de Delitos Económicos de Pontevedra, Augusto Santaló, e o decano do Colexio Provincial de Avogados, Ramón Jáudenes.
En declaracións previas realizadas a PontevedraViva, o fiscal superior recordou que a Fiscalia presentou unha demanda colectiva xa o 4 de xullo de 2012 e que na actualidade "estamos esperando a ser convocados ao xuizo verbal" no Xulgado de Primera Instancia número 11 da Coruña. Non hai data, pero "esperamos que iso ocurra en breves datas".
A Fiscalía xa ten preparado o xuízo e Carlos Varela avanzou que "nós levaremos como proba a moitos afectados por este produto financieiro e levaremos tamén a algún director que comercializou este produto para que nos conte como ocorreu isto, en base a que circulares e instruccións concretas. E intentaremos levar tamén a alguén do nivel executivo".
Todo iso encamiñado a que "con todo ese material tanto documental como testifical o xuíz teña un coñecimento claro de como se produciu a xeralización deste producto nun segmento da proboación que eran aforradores ordinarios, que, polo tanto, pola súa complexidade, era inidóneo para este perfil de aforrador corrente" e "a partir de aí buscaremos a declaración da nulidade de oficio de todos os contratos e a restitución dos depositos a todos os afectados", que se calculan nunhas 43.000 persoas no caso dos prexudicados polos produtos comercializados polas antigas caixas galegas, a actual Novagalicia Banco.
Carlos Varela centrouse na súa charla na corrupción sistémica e en trasmitir aos asistentes "que tipo de instrumentos podemos desenvolver para facer fente á corrupción que está no sistema". Avanzou que "eses instrumentos son de carácter lexislativo, normas, pero tamén instrumentos concretos que esas normas teñen que implementar" e que fará as súas achegas sobre estes cando sexa chamado a participar como experto na comisión para previr a corrupción política recén creada polo Parlamento de Galicia.