As precipitacións intermitentes van manterse nas Rías Baixas no inicio desta semana
Por Redacción
Durante este domingo 14 espéranse ceos parcialmente cubertos no litoral de Galicia, con chuvascos ocasionais que serán de neve por encima dos 800 metros. Ao longo da tarde, segundo o servizo de Meteogalicia desaparecerán as precipitacións e abriranse grandes claros.
As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso con formación de xeadas no interior. Estarán situadas entre os 4 e os 11 graos. O vento soprará do noroeste, moderado no litoral e frouxo no interior.
O luns 15 rexistrarase un escenario de transición á espera dunha fronte que chegará ao longo da tarde. Agárdanse bancos de néboa matinais no interior, que darán paso a ceos que alternarán nubes e claros, con aumento de nubes ao longo da tarde.
As choivas comezarán polo noroeste de Galicia e estenderanse ao longo das Rías Baixas durante a noite. As temperaturas manteranse entre os 4 e os 12 graos. Os ventos pasarán a solplar do suroeste, frouxos en xeral e moderados na costa.
Ao longo do martes 16, Galicia situarase nun espazo intermedio con ventos de compoñente oeste que achegarán humidade. O ceo manterase moi nubrado con choivas en xeral de carácter intermitente e débil. As temperaturas ascensderán situándose entre os 11 e os 13 graos. Os ventos soprarán de compoñente oeste, con intervalos de moderado no litoral e nas zonas altas do interior.
A partir do mércores 17, as Rías Baixas continuarán nunha posición intermedia entre altas e baixas presións, con predominio dos ventos de compoñente oeste que achegarán masas de aire amornadas pero cargadas de humidade. Os ceos manteranse moi nubrados e as choivas continuarán sendo débiles e descontinuas. As temperaturas manteranse entre os 8 e os 14 graos.