Este luns comezan as obras de reforma da Praza do Concello en Cerdedo
Por Redacción
Este luns 15 de xaneiro comezarán as obras de reurbanización da Praza do Concello en Cerdedo. Desenvolverase un plan circulatorio con accesos alternativos ante o peche completo do recinto co obxectivo de que os veciños apenas teñan problemas para poder moverse por esta contorna.
Está previsto cortar o acceso á praza e prohibirase o estacionamento neste espazo. Os residentes en Calzada da Outraldea deberán utilizar a rúa da Constitución para achegarse ata as súas vivendas. O tránsito de peóns ata o edificio do Concello e a algunhas vivendas da zona estará garantido a través de corredores. O goberno local xa informou os veciños afectados.
A mellora da praza do Concello de Cerdedo foi adxudicada á empresa Nexia e atópase dentro do Plan Hurbe da Consellería de Medio Ambiente cun orzamento que se sitúa ao redor dos 180.000 euros.
A obra, segundo o vicepresidente municipal de Cerdedo-Cotobade José Balseiros, era necesaria debido a que a praza se atopa pavimentada con pezas de granito que presentan un acabado irregular e, nalgúns casos, atópanse rotas polo paso de vehículos e polas condicións de asentamento do terreo.
O proxecto contempla a retirada de todo o pavimento empedrado coa recollida das pezas que se atopan en bo estado para a súa posterior reutilización e o levantamento do parque infantil, da pérgola con estrutura de madeira e da iluminación. Está previsto instalar un novo lousado con pedras de granito cun grosor de 15 centímetros. Acometerase a canalización do saneamento e a dotación de recollida de pluviais, ademais da instalación dunha nova iluminación pública.