Un embrague queimado "la lía parda" en Joaquín Costa
Por Redacción
Arredor das 18.30 horas deste xoves 11 os bombeiros do parque de Pontevedra desprazábase ata o edificio número 46 da rúa Joaquín Costa. Os veciños alertaran dun forte olor a gas.
Dúas dotacións de bombeiros e outras tantas patrullas da Policía Local estableceron os protocolos de emerxencia. Cortábase o tráfico rodado na céntrica rúa e a circulación era desviada por José Casal, sen que se rexistraran complicacións.
Durante 40 minutos, os profesionais de emerxencias ocupáronse de comprobar de onde procedía o cheiro. Detectárono no garaxe do edificio. E rapidamente comprobaron que a causa era que un veciño queimara o embrague ao intentar arrancar o vehículo que se atopaba no aparcadoiro do inmoble, segundo a información facilitada pola Policía Local.
Unha vez confirmada a causa do cheiro que orixinou a alarma, os bombeiros regresaron á base. Numerosos veciños aproximáronse á zona ao ver o despregamento dos servizos de emerxencia.