Prevención e investigación, eixos que vai impulsar o novo coronel da Garda Civil
Por Natalia Puga
A rolda de visitas institucionais do coronel Jorge González Veiga para presentarse como novo xefe da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra levouno este xoves ao Concello da capital, onde mantivo un encontro cordial co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e, ao seu remate, indicou aos medios de comunicación que nesta nova e ilusionante etapa profesional márcase como obxectivos potenciar a investigación de delitos, sen desatender a prevención e tentando manter o persoal actual do Corpo en Pontevedra.
O coronel González Veiga, natural de Outeiro de Rei (Lugo), desenvolveu boa parte da súa carreira profesional na Coruña e chega a Pontevedra desde a Embaixada de España en Chile. Asegura que é un "orgullo" esta nova etapa na Comandancia e asume este reto "con muchas ganas de hacerlo bien".
Chega, segundo asegura, a unha comandancia cunha taxa de criminalidade dificilmente mellorable, pero asegura que fará "lo imposible por mejorarlos porque nuestra labor no es otra que dar seguridad a todos los ciudadanos". Con ese obxectivo, e tras pechar unha etapa do Nadal sen incidencias "dignas de mención", adianta que a súa política de traballo centrarase en non descoidar a prevención, pero centrándose na investigación, "un punto muy importante a desarrollar".
As poucas semanas que leva á fronte da Garda Civil en Pontevedra xa lle permitiron comprobar que os axentes que traballan en investigación "están muy capacitados y dedican muchas horas a su trabajo" e loitará por conservar esa liña.
Ademais, recoñece que "trabajamos con un número de efectivos muy concretos y muy determinados del que es muy difícil salir" e avanza que loitará por, polo menos, manter o persoal actual nun contexto como o actual no que levan varios anos de recesión e de redución das prazas ofertadas para entrar no corpo.
O alcalde deulle unha cálida benvida na que lle ofreceu colaboración e unha relación "absolutamente formal, correcta". Xa lle advertiu de que, como rexedor, acode a algúns dos actos organizados pola Garda Civil e Pontevedra, pero non a todos, de modo que lle pide "que non o entenda mal cando non vou".
Seguirán, segundo asegurou, "en contacto permanente" e ofreceulle a "máxima colaboración", a mesma que mantivo co seu predecesor, o coronel Miguel Estévez, e con todos os que ocuparon o cargo desde que é alcalde.
Relacionadas:
-
O coronel jefe da Garda Civil reafirma ante Carmela Silva o compromiso contra a violencia machista
Por Redacción |
-
Coronel González, novo xefe da Garda Civil: "Me dejan una unidad en perfecto estado de revista"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Jorge González Veiga xa exerce como xefe da comandancia de Pontevedra
Por Redacción |