Políticos e ciclistas acordan demandar á Xunta a mellora da seguridade viaria na estrada N-550
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Os colectivos ciclistas acadaron o compromiso de todos os grupos representados no Parlamento galego para demandar á Xunta a través dunha proposición non de lei, a mellora da seguridade viaria na estrada N-550.
Acudiron a unha reunión, celebrada este xoves en Pontevedra, os deputados do PP, Jacobo Moreira; do PSdeG, Patricia Vilán; de En Marea, Marcos Cal e por parte do BNG, Luís Bará non asistiu á reunión pero trasladou o seu apoio ás medidas avanzadas previamente polo colectivo ciclista que estivo representado por Faustino Gómez de "Composcleta" (Santiago), Alejandro Costa de "A Golpe de Pedal" (Vigo), e Quique Pérez de " Pedaladas" (Pontevedra).
As asociacións de ciclistas aspiran a que a mellora deste viario inclúa a creación de beiravías transitables "do maior ancho posible" (aproximadamente metro e medio) desde a estación de servizo Repsol ata o cruzamento da estrada provincial EP-0105. Fixeron especial fincapé na curva onde recentemente un bombeiro de Pontevedra residente en Vigo foi vítima dun atropelo con fuga. A lonxitude do tramo é de 350 metros.
Igualmente esperan que a mellora inclúa sinalización vertical remarcando a obrigación de adiantar separándose un metro e medio dos ciclistas e tamén a redución da velocidade a 50 quilómetros por hora no tramo de concentración de accidentes e onde estea permitido estacionar vehículos. A lonxitude do tramo é de 1,4 quilómetros e segundo Pedaladas esta aminoración da velocidade supoñerá para os condutores incrementar en 19 segundos máis o tempo no que se percorre este traxecto.
Todos os grupos parlamentarios representados na Cámara galega comprometéronse a fomentar o uso da autoestrada AP-9 para reducir a presión do tráfico pesado nesta vía convencional.
Ademais volveron insistir en que a Vía Verde debe ser "unha prioridade para o cicloturismo, a mobilidade en bicicleta e un atractivo turístico para a comarca". Só falta a cesión de Pontevedra-Ponte Sampaio por parte do Adif, xa que Vigo e Redondela xa teñen confirmación de cesión.
Na reunión informouse que se vai a constituír a mesa galega pola bicicleta e o grupo interparlamentario da bicicleta. Neste sentido haberá unha reunión o próximo 19 de abril.
Finalmente, á marxe do contido da reunión, os parlamentarios interesáronse pola iniciativa da Coordinadora Galega da Bicicleta para integrarse na rede de rutas cicloturistas europeas EuroVelo para o que idearon un percorrido por 866 quilómetros por toda a costa. "Pode ser a gran ruta ciclista que fomente o turismo e sexa un novo motor económico", valorou Quique Pérez.
Relacionadas:
-
Aumentan case un 50% as denuncias a ciclistas por infraccións
Por Redacción |
-
Alertan dos problemas de seguridade viaria na PO-264 ao seu paso por Ponte Sampaio
Por Alejandro Espiño |
-
Tráfico localiza o condutor que atropelou un ciclista en Salcedo e fuxiu
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Chamamento aos pontevedreses para poñer fin ao vandalismo no monumento aos ciclistas falecidos
Por Redacción |
-
Pedaladas alega ao proxecto da PO-308 por non conter medidas de seguridade viaria para ciclista
Por Oskar Viéitez |