Tres empresas interésanse de novo pola xestión do parking de Veteris
Por Alejandro Espiño
Tres empresas, unha delas a actual concesionaria, mostraron o seu interese por xestionar o parking de Veteris, na rúa Antón Fraguas. Fontes municipais confirmaron que estas firmas pediron ser convidadas a participar no procedemento negociado sen publicidade que puxo en marcha o Concello de Pontevedra para adxudicalo de forma directa.
É o trámite elixido polo goberno municipal para resolver a adxudicación do aparcadoiro, despois de que o concurso público quedara deserto o pasado mes de novembro.
As condicións de partida son as mesmas que as deste concurso.
Para facerse coa xestión do parking polos próximos 68 anos, as empresas debían estar dispostas a pagar un canon inicial de 3.263.377 euros, a indemnización que habería que pagar á actual concesionaria, se esta non fora elixida, pola liquidación da adxudicación anterior.
A partir de aí, terían que satisfacer un canon anual de 24.000 euros. Ao longo de toda a concesión supoñería 1.632.000 euros para as arcas municipais.
Se este proceso tamén fracasa, o Concello tería que asumir a explotación directa do parking. Ante este suposto, o orzamento municipal reservou unha partida de 450.000 euros para o primeiro dos pagos que, ao longo de sete anos, abonaríase a Veteris.
A partir de aí, o Concello podería optar por constituír unha empresa pública para xestionar as instalacións ou mesmo ceder a explotación a algunha entidade sen ánimo de lucro.