Cidadáns reclama wifi gratuíta nos espazos públicos de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A concelleira de Cidadáns Pontevedra, María Rey, presentará na próxima sesión plenaria da corporación unha solicitude para que se implante wifi con acceso gratuíto nos espazos públicos do municipio.
Ademais propoñerá unha moción para que o Concello se adhira ao proxecto europeo Wifi4 EU, unha iniciativa da Comisión Europea que financiará ata o 2019 o material e os custos de instalación de sistemas wifi gratuítos en localizacións públicas.
A concelleira María Rey subliña que a tecnoloxía wifi posta a disposición do Concello a pontevedreses e visitantes "foi moi limitada e ata a data restrinxiuse a tres puntos da cidade": a praza da Ferrería, a praza da Verdura e a zona da Alameda e praza de España.
Con este novo investimento, ademais de ofrecer a veciños e visitantes este servizo, "o Concello pode beneficiarse da información obtida a través da análise de localización", que pode revelar, como sinala a edila, aspectos como "o número de visitantes, canto tempo quedan, por onde se moven, detalles do tráfico ou lugares que espertan máis ou menos interese".