O BNG demanda a restitución do posto de celador no centro de saúde de Moraña
Por Oskar Viéitez
O BNG vén de entregar no rexistro do concello unha moción na que denuncia "os recortes provocados pola Xunta de Feijóo" no centro de saúde de Moraña e demanda a restitución dun posto de traballo amortizado nos últimos meses.
Os concelleiros do grupo municipal denuncian que unha praza de celador do devandito centro non se cubre dende que se producira a vacante por xubilación da mesma, hai xa varios meses, o que conleva un evidente empeoramento do servizo asistencial e eivas no apartado das funcións administrativas do centro.
Ademais, o BNG puido comprobar a relación de servizos que o Sergas ofrece no centro de saúde de Moraña, onde citan tamén un posto de pediatría, cuestión que tampouco se cumpre a día de hoxe, posto que Moraña non conta cun servizo de pediatría a tempo completo, cuestión perfectamente coñecida e sufrida polo conxunto da veciñanza.
O BNG manifesta a súa total oposición a este tipo de recortes en persoal e servizos e por iso traslada a situación do centro de saúde en forma de moción a todos os grupos e especialmente ao goberno municipal, "que mantén unha inaceptable posición de non discrepancia e silencio con estes agravios en forma de recortes producidos pola Xunta de Galicia".
O BNG solicita a restitución do posto de celador e a incorporación do servizo de pediatría a tempo completo e agarda a este respecto que todos os grupos municipais fagan unha fronte común na defensa da sanidade pública e dos servizos básicos da veciñanza e ofrécese para iniciar e colaborar en todas as medidas de presión que sexan necesarias para conquerir a restitución destes recortes.