O Concello mellora a capa de rodaxe de dous viarios municipais en Fabal e Caneliñas
Por Oskar Viéitez
As concellerías de Medio Ambiente e Infraestruturas no Concello de Sanxenxo acaban de anunciar as melloras na capa de rodaxe de dous viarios municipais, concretamente son os de Fabal e Caneliñas.
O pasado mes de setembro levou a cabo a mellora da drenaxe e da capa de rodaxe do viario de Fabal a Monte Faro, que enlaza coa vía rápida VGR-4.1. Esta actuación estendeuse ao longo dun quilómetro e tivo un orzamento de execución de 48.000 euros, asumidos con fondos propios municipais.
O viario atopábase nun estado de deterioración considerable, coa capa de rodaxe gretada e con roturas no pavimento.
Unha vez terminada esa actuación, continuarase cos traballos de asfaltado do viario. Para isto estenderase unha capa de asfalto en quente no tramo final do viario, que se atopa nunha zona urbana e cunha pendente pronunciada. Búscase así garantir a seguridade dos usuarios que empregan esta vía.
O orzamento para levalo a cabo será de 12.000 euros.
Para poder actuar en Fabal foi necesario obter autorizacións sectoriais da Axencia Galega de Infraestruturas, por estar o viario afectado por unha zona de servidume, así como pola zona de afección da vía rápida, a Augas de Galicia, por ser zona de canle de rega. Á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por estar a actuación proxectada nun viario afectado polo Túmulo 1 de Monte de Faro, dentro da zona de protección do patrimonio arqueolóxico, arquitectónico e etnográfico e, por último, á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, por afectación do POL.
VIARIO EN CANELIÑAS
En Caneliñas, a continuación da praia, existe un viario coa capa de rodaxe en terra, que presenta grandes fochas e que está practicamente intransitable debido ao tempo trascurrido sen que se acometesen nel tarefas de mantemento e conservación.
Cun orzamento aproximado de 5.000 euros, substituirase a rede de saneamento e abastecemento de auga, xa que a actual atópase obsoleta, provocando continuas roturas e perdas, debido a que, pola súa antigüidade, terminouse a súa vida útil. E tamén se estenderá unha capa de rodaxe de zahorra compactada.