Marea elixirá o 9 de febreiro o seu candidato para as municipais de 2019
Por Redacción
O calendario para elixir o candidato ou candidata de Marea Pontevedra para as eleccións municipais de 2019 xa está claro. O partido fixou para o próximo 9 de febreiro a data para as primarias abertas, proceso co que de novo decidirán que persoa encabezará a súa lista electoral na cidade.
Serán en total dúas fases. Nunha primeira, decidirase a persoa candidata á alcaldía e nunha segunda elixirase o conxunto da lista. Deste xeito o colectivo ratifica a súa aposta pola democracia interna á hora de tomar as decisións estratéxicas.
A presentación de candidaturas á cabeza de lista comeza o 26 de xaneiro, sendo necesarios unicamente dez avais de persoas inscritas en Marea Pontevedra, e remata o día 2 de febreiro.
O censo permanecerá aberto a novas inscricións ata o día 5 de febreiro, un día antes do inicio da votación electrónica e catro días antes da votación presencial en urna, que terá lugar o día 9 de febreiro entre as 11.00 e as 21.00 horas.
O proceso para elixir o resto da candidatura será no último trimestre deste ano.