Unha vivenda do Grove, calcinada por mor dun incendio
Por Diego Espiño
Unha vivenda unifamiliar resultou completamente calcinada este luns por mor dun incendio declarado no Grove durante a madrugada.
Trátase dunha casa situada no lugar de Boibas.
Os danos provocados polo lume foron importantes, pero por fortuna limitáronse ao material, xa que os ocupantes do inmoble conseguiron abandonalo a tempo sen que se producisen feridos.
O incendio iniciouse ao redor das 6:00 horas da madrugada, segundo informa o Servizo de Atención ás Emerxencias 112 Galicia.
Foi un veciño o que alertou ao 112, que trasladou o aviso ao servizo de Emerxencias Sanxenco e a Protección Civil do Grove, ademais dos bombeiros de Ribadumia que xa non chegaron a actuar.
Pese ao esforzo dos efectivos de emerxencia, nada se puido facer para protexer a vivenda, que finalmente foi pasto das chamas.