Proxectan actuacións de mellora en diferentes parques de Sanxenxo
Por Redacción
A concellería de medio ambiente de Sanxenxo anunciou a actuación nas próximas semanas en diversos parques infantís do municipio.
Para iso investiranse preto de 40.000 euros, pensando en solucionar deficiencias detectadas e mellorar o servizo aos veciños.
A actuación máis grande das previstas terá lugar no parque de Punta Vicaño, debido a que cada vez que chove queda inaccesible durante días. Por ese motivo vai acondicionar o chan para despois colocar céspede, tanto na zona infantil como na zona reservada ao exercicio.
Outro dos lugares de intervención será o parque de San Roque, en Portonovo, xa que despois da actuación acometida hai escasos meses quérese mellorar unha zona de terra continua que presenta continuas fochas e na que se pretende acondicionar o terreo. Neste parque van instalar tamén 5 elementos de exercicio biosaudables.
Ademais, en dúas zonas da parroquia de Bordóns e de Dorrón tamén se instalarán estes elementos de exercicio biosaudables tales como bicicletas, elípticas ou rodas, entre outros.