Ponte Caldelas transformará a antiga casa escola de Chaín nun centro sociocultural
Por Redacción
A antiga casa escola de Chaín transformarase nun local sociocultural. Así o anunciou o alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, tras recibir a confirmación de que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), dependente da Consellería de Medio Rural e Mar, concedeu unha subvención de 31.300 euros para a rehabilitación do inmoble.
"A situación económica actual non vai permitir realizar grandes investimentos como as realizadas en anos anteriores, pero o certo é que neste caso ao ser un inmoble de titularidade municipal, permitiunos obter unha subvención de AGADER, e é unha oportunidade que non debemos desaproveitar para non perder esa subvención", explicou Perfecto Rodríguez.
Esta casa escola foi das poucas que o Concello nos anos 70 non vendeu, e vense desde hai anos utilizándose como local social polos veciños, aínda que se atopa en condicións moi precarias. Precisamente o feito de que o inmpble siga sendo de titularidade municipal, aínda que o seu uso estea cedido aos veciños, é o que permitiu solicitar esta subvención e poder incluíla no plan de investimentos do Concello.
O orzamento total desta rehabilitación ascende a 107.000 euros. A achega municipal realizarase a través dos orzamentos municipais de 2012 e 2013. Os plans do Concello son contratar a obra antes de final deste ano, co obxectivo de que se execute durante 2013, intentando que estea finalizada en outubro.
O inmoble é un local de planta baixa cunha superficie de 128 metros cadrados. Coa rehabilitación acondicionarase un salón de usos múltiples de 90 metros cadrados, 2 aseos e unha zona de 10 metros cadrados que se destinará a cociña e almacén. Ademais o salón de usos múltiples terá a cuberta a dúas augas sen falso teito, o que dará ao local maior sensación de amplitude.