Despois dos Reis... rebaixas xeneralizadas no comercio pontevedrés
Por Diego Espiño
Desde a campaña iniciada polo Venres Negro ou Black Friday, moitos foron os comercios que prolongaron as promocións para incentivar o consumo ante o Nadal. Tamén co inicio do ano numerosos establecementos comezaron coas tradicionais rebaixas, aínda que non será ata despois de Reis cando se xeneralice esta práctica.
A partir deste domingo 7 de xaneiro, día habilitado para a apertura comercial, as rebaixas alagarán os escaparates dos diferentes establecementos, con descontos que poden chegar ao 50 e 70%.
Así o recolle a Federación Provincial de Comercio de Pontevedra, que estima un movemento económico de preto de 10 millóns de euros durante este período.
Segundo a tradicional enquisa desta federación, cada habitante da cidade de Pontevedra gastará de media 90 euros nas rebaixas de inverno, o que supoñería un lixeiro incremento con respecto ao ano anterior. Esa media descende aos 59 euros por habitante tendo en conta ao resto de municipios da comarca.
O período oficial de rebaixas prolongarase ata o 7 de abril, cun total de vendas estimadas que se achegará aos 71 millóns de euros en toda a provincia, tal e como recollen as conclusións da enquisa realizada pola Federación Provincial de Comercio de Pontevedra.