Case un millón de euros para crear o novo edificio de usos múltiples de Caldas
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, asinaban este xoves o convenio para construír o novo edificio que albergará á Escola de Música, a Escola Taller e dará cabida a diversos usos municipais.
Este convenio encádrase dentro do Plan de Reequilibrio Territorial da Deputación.
O proxecto conta cun orzamento de 992.577 euros, dos que a Deputación achega 794.062, mentres que o Concello asume 198.515 euros. A intención é crear un espazo público en relación coa Escola de Músico. No proxecto contémplase un acceso por unha praza pública, aberta aos peóns, que permitirá reunir a diferentes veciños ao mesmo tempo que servirá de parada para os peregrinos que percorren esa zona.
A presidenta da Deputación mostrou a súa satisfacción por esta sinatura que axudará a fomentar a cultura e destacou que este espazo servirá para garantir unha mellor calidade na formación musical dos habitantes de Caldas. Indicou que ademais se busca crear unha zona que sirva para socializar e desenvolver actividades ao aire libre.
Carmela Silva tamén quixo reclamar da Xunta de Galicia a aprobación dun fondo económico local incondicionado para os concellos, de forma que poidan repartir equilibradamente os seus recursos.
O alcalde de Caldas, pola súa banda, indicou que este proxecto dará un salto de calidade importante para o concello ao permitir centralizar unha serie de servizos que agora se atopaban repartidos en diferentes puntos do municipio.