Os Reis Magos, sen medo á chuvia: "Haberá cabalgata si ou si"
Que os nenos (e os seus pais) estean tranquilos. Os Reis Magos pasearán en cabalgata por Pontevedra. "Haberá cabalgata si ou si", garante a concelleira de Festas, Carme da Silva. O Concello confía en que, segundo Meteogalicia, as choivas poderían dar un respiro esta tarde. O xusto para que o desfile se celebre con normalidade.
Sairá, como estaba previsto, ás seis da tarde da rúa José Malvar. Percorrerá a continuación as rúas Loureiro Crespo, Benito Corbal, praza da Peregrina, Michelena, praza de España e Alameda. A comitiva dos Reis irá acompañada de música, animación de rúa e varias carrozas de personaxes "ben coñecidos polos rapaces".
Ademais, como é habitual, todos os caramelos -dúas toneladas en total- que se repartan serán aptos para celíacos.
Antes da cabalgata, os Reis Magos protagonizarán unha recepción oficial no Pazo de Mugartegui, ás once da mañá. Ata alí chegarán dacabalo desde o edificio municipal de Michelena, percorrendo gran parte do centro histórico da cidade.
OPERATIVO DE TRÁFICO
Que o día da Cabalgata de Reis hai unha importante lea de tráfico sabémolo todos. As rúas do centro están cortadas á circulación nunha xornada na que miles de persoas, veciños de Pontevedra e de municipios limítrofes, acoden a ver o espectáculo, outros tantos apuran as súas compras e outros irán a ver o partido da Selección Nacional de Balonmano ao Pavillón Municipal.
Desde a Xefatura da Policía Local difundiron seis recomendacións básicas para evitar os atascos se é que vostede está obrigado a ir en coche.
- A zona leste da cidade verase afectada polo que recoméndase a entrada a cidade por Loureiro Crespo - Xoán Carlos I.
- A utilización dos aparcadoiros disuasorios (ningún deles está afectado pola cabalgata de Reis).
- Evitar o tránsito de vehículos polo centro da cidade entre as 17:00 horas e 21:00 horas.
- O tráfico se restablecera unha vez que os servizos de limpeza do Concello de Pontevedra procedan á súa limpeza.
- A mellor alternativa para cruzar Pontevedra dun lado a outro é a autoestrada AP 9.
- Por mor da concentración das carrozas ao remate da cabalgata na rúa Echegaray, procederase ao peche ao tráfico da rúa Alameda cara a Echegaray polo que o tráfico de saída pola Ponte da Barca se efectuará pola Ponte das Correntes.
Consulta aquí o operativo de tráfico deseñado pola Policía Local de Pontevedra.