Poderemos seguir viaxando a Londres nas mesmas condicións? Cambiarán as condicións de traballo para empresas con intereses nas illas británicas? E os nosos alumnos, poderán seguir estudando alí con bolsas Erasmus? Son só algunhas das dúbidas cotiás que se expoñen a diario con motivo do Brexit, a desconexión de Gran Bretaña da Unión Europea.
A todas esas preguntas tratamos de darlle resposta neste Cara a cara de PontevedraViva Radio. Facémolo coa pontevedresa Rosa Estévez. Desde hai case 18 anos traballa para o goberno británico. Actualmente, tras varios cargos nos gobernos de Tony Blair e David Cameron, é asesora política do ministerio de Comercio Exterior.
O Reino Unido "vaise da Unión Europea pero non se vai de Europa", asegura esta muller natural de Beluso (Bueu), que di ser "optimista" sobre a relación que, a partir de agora, establecerase entre ambas as rexións. "Os dous teñen potencial para saír adiante e será un futuro diferente", augura nesta entrevista.
Rosa Estévez entende que entre Gran Bretaña e a UE "fallou a comunicación, entenderse un pouco mellor", xa que destaca que os británicos "sempre estiveron a favor de abrir mercado" pero mantiveron unha visión "conflitiva" con respecto á integración política.
A partir de agora, ábrese un escenario inédito pero a politóloga garante que Gran Bretaña "non vai pechar as portas e moito menos aos españois".
Todas estas son algunhas das cuestións que Rosa Estévez trasladará este xoves aos alumnos do instituto Valle Inclán, onde acode convidada polo programa Escolas embaixadoras do Parlamento Europeo para explicarlles por que o Reino Unido foi a peza que nunca acabou de encaixar na UE.