Comisións Obreiras pide menos louvanzas e máis melloras para as brigadas provinciais
Por Oskar Viéitez
O sindicato Comisións Obreiras lamenta que a Deputación de Pontevedra encomie o traballo das brigadas de mantemento das estradas provinciais pero que non se teña en conta as súas reivindicacións.
En concreto, José Ramón Piñeiro, secretario da sección sindical de Comisións Obreiras na administración provincial, sinala que "non todos estes traballadores están nas mesmas condicións nin teñen os mesmos dereitos realizando idéntico traballo". Tamén critica que máis da metade non son fixos e a Deputación "non oferta prazas para poder ser cubertas en propiedade".
Piñeiro volveu a insistir en que "o BNG da Deputación está empeñado en externalizar este servizo".
Comisións Obreiras pídelle ao BNG "menos propaganda e malgasto de diñeiro e que se trate aos traballadores a todos por igual e se lles pague de maneira adecuada polo que fan e que non sigan facturando as empresas privadas polos traballos que poden facer os traballadores da Deputación con garantías".