Augas de Galicia remata a limpeza e conservación do río Loira
Por Redacción
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través de Augas de Galicia, vén de concluír os traballos de conservación e mellora das marxes do río Loira ao seu paso polo concello de Marín.
Os traballos, que comezaron a finais de outubro e aos que se destinou unha partida de 34.105,59 euros, consistiron fundamentalmente na retirada de árbores e ramas caídas sobre a canle do río e das árbores secas con perigo de desprendemento. Tamén se traballou na eliminación de atascos puntuais e na roza selectiva dalgunhas masas de matogueira.
Os labores dos técnicos focalizáronse sobre un tramo do río Loira de 2.740 metros de lonxitude que discorre polas parroquias de Santa María do Campo, Santo Tomé de Piñeiro, Seixo e Bexe.
Con este tipo de intervencións, o organismo de conca pretende mellorar os espazos de dominio público, as zonas de acceso e a protección das marxes dos ríos de Galicia-Costa.