Vanessa Rodríguez ve "papel mollado" o pacto entre PP e SAL
Por Redacción
O pacto entre PP e SAL que levou a Telmo Martín á Alcaldía de Sanxenxo quedou, segundo a concelleira Vanessa Rodríguez, en "papel mollado". Asegura que os dous únicos acordos que debían cumprir antes do 31 de decembro "están peor que hai seis meses": a recepción do polígono de Nantes e o convenio sobre o Pazo Quintáns.
O incumprimento de ambas constata, segundo a líder de Sanxenxo Independentes, que o pacto "está moi lonxe de ser o mellor para Sanxenxo e para os seus veciños".
Con respecto ao polígono, Rodríguez asegura que como xefe da oposición a Telmo Martín "falar saíalle gratis e así se dedicaba a dicir barbaridades" como, por exemplo, que se fora alcalde tería o polígono funcionando en tres meses, prazo que incumpriu.
A iso súmase o Pazo Quintáns, para o que PP e SAL acordaron a firma dun convenio que permitise a súa rehabilitación antes de finais de 2017 entre o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Sanxenxo, firma que non se produciu.
"Telmo Martín perde fol e atribúese máis contactos políticos dos que realmente estamos a comprobar que ten", lamenta a edil non adscrita, que insta a Martín a cinguirse á folla de ruta marcada no seu día polo goberno tripartito anterior, quen instou o recoñecemento do pazo como BIC para poder optar a subvencións estatais.
Vanessa Rodríguez está convencida de que estes incumprimentos non van facer perigar o pacto de goberno, xa que os tres concelleiros de SAL "nin sequera vanse a inmutar, porque saben que non teñen nada que facer, que non teñen ningunha forma de presionar ao alcalde, nin esixirlle absolutamente nada".
"A alcaldía era o único que tiñan e entregáronlla sen pestañear e, desde entón, son absolutamente prescindibles para o goberno de Telmo Martín", conclúe Rodríguez.
Relacionadas:
-
Gonzalo Pita replica a Vanessa Rodríguez que o bipartito si fixo o seu traballo sobre o Pazo de Quintáns
Por Redacción |
-
Sanxenxo presenta un orzamento de case 32 millóns para 2018
Por Alejandro Espiño |
-
Os propietarios do polígono de Nantes deberán poñer 638.391 euros para desatascalo
Por Redacción |
-
Telmo Martín asegura que o polígono de Nantes podería estar en funcionamento en seis meses
Por Oskar Viéitez |