Melloras en seguridade viaria e en sendas e estradas provinciais, principais demandas dos veciños de Marín
Por Redacción
As demandas dos colectivos veciñais de Marín teñen que ver, desde hai tempo, coas melloras en seguridade viaria e en sendas e estradas provinciais.
Así llo trasladaron esta semana ao concelleiro delegado do rural en Marín, Pablo Novas Caballero, que mantivo unha reunión con varias asociacións veciñais para tratar temas relativos ás áreas e servizos nas distintas parroquias.
Tras esa reunión e esas demandas, desde o Concello lembran que xa foron remitidas á Deputación de Pontevedra en varias ocasións tanto a través da solicitude do equipo de goberno, como a través da aprobación por parte de todos os grupos de mocións municipais no Pleno.
Para fundamentar de novo esta solicitude, o concelleiro Pablo Novas elaborou unha memoria que de maneira global recolle as distintas estradas provinciais e as melloras solicitadas, para tratar de establecer unha colaboración por parte do organismo provincial e que, desta forma, en colaboración co Concello, póidase sacar adiante as solicitudes presentadas e avaladas polas asociacións veciñais.
Ademais, na próxima comisión informativa que se celebre en Marín darase conta das solicitudes aos grupos da corporación para tratar entre todos de que frutifiquen.
A reunión serviu igualmente para escoitar a todos, establecer as prioridades das demanda e analizar todos os aspectos expostos na mesma. Lugares como San Xulian, Pardavila, O Campo, San Blas, A Brea, Castro, A Moreira, foron os que principalmente achegaron as súas peticións ao estudo e propostas de mellora.
O Concello valora que foi unha reunión frutífera e que se repetirá para ir dando conta das solucións que se vaian adoptando.