Unha muller ferida e tres vehículos danados nun aparatoso accidente en Cuntis
Por Redacción
Unha veciña do Grove de 55 anos resultou ferida na tarde deste sábado ao verse implicada nun accidente que ela mesma provocou en Cuntis e tivo que ser trasladada ao Hospital Domínguez para recibir asistencia sanitaria.
Segundo informou Protección Civil de Cuntis, a muller circulaba nun vehículo Opel Corsa en dirección cara á Estrada cando, á altura do lugar de Porto de Gómez, pertencente á parroquia de Cuntis, perdeu o control do vehículo, saíuse da vía e chocou con dous vehículos.
Estas mesmas fontes indicaron que a muller non soubo explicar que lle ocorreu para perder o control do vehículo. Tras saírse da vía, primeiro chocou cun turismo Seat Ibiza e, ao desprazalo, alcanzou ao terceiro vehículo, un Renault Kangoo.
Ambos os vehículos estaban estacionados na beiravía, de modo que non había ninguén no interior no momento do impacto e non houbo que lamentar feridos. Si que resultou ferida a condutora do Opel Corsa. Tras a colisión, saltou o Airbag e ela refería fortes dores nas costas e o peito.
A condutora estaba moi nerviosa e foi necesario que desprazase ao lugar unha ambulancia para atendela polo nerviosismo e as dores que sufría. Tras unha primeira valoración e asistencia, foi trasladada en ambulancia ao Hospital Domínguez.
O accidente tamén tivo como balance importantes danos materiais nos tres vehículos implicados e mobilizou ao lugar a efectivos de Protección Civil e a Garda Civil de Tráfico.