VÍDEO.- PSOE e BNG adían ata 2021 a desprivatización dos Parques de Bombeiros provocando o enfado dos traballadores
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Botes de fume, petardos e bucinas soaban este venres polas rúas de Pontevedra. Un grupo numeroso de bombeiros desprazábanse polo centro da cidade ata o edificio da Deputación Provincial en Montero Ríos manifestando as súas reivindicacións que se centran na petición da rescisión do contrato que na actualidade mantén a institución que preside Carmela Silva coa empresa Matinsa, concesionaria do servizo de extinción de incendios e de salvamento.
Os traballadores entenden que se trata dun servizo que non debería estar privatizado e levan meses denunciando que os efectivos actúan con menos material e con roupas de traballo inadecuadas para atender as situacións de emerxencia. Matinsa ten un contrato aprobado polo anterior goberno da Deputación, presidido por Rafael Louzán, desde 2013 e prolóngase ata 2021 para facerse cargo dos Parques de bombeiros de Vilagarcía de Arousa, Baixo Miño, O Morrazo e Ribadumia.
Este venres, no pleno da Deputación Provincial, o deputado do grupo mixo, Xosé Lois Jácome, presentaba unha moción na que denunciaba esta situación e reclamaba unha auditoría do servizo que está a prestar a empresa privada. Na moción indícase que se se comproba que Matinsa non cumpre co establecido nas bases do convenio ten que abrirse un expediente para rescindir o contrato actual.
Un grupo de bombeiros seguiu o debate desde o salón de plenos, despois de deixar cascos e o material que portaban no control de entrada. O enfrontamento principal produciuse cando o vicepresidente César Mosquera cualificou a Jácome de "cabuxa", un termo que provocou que desde os asentos do Partido Popular recriminásese a intervención do portavoz nacionalista. Ángel Moldes lamentaba que Mosquera utilizase insultos ao que o vicepresidente respondeu que " cabuxa é un animal moi digno", para terminar retirando a expresión. O deputado do BNG sinalou que este tema non se arranxa cunha moción xa que existe un contrato cunha empresa e a rescisión levaría indemnizacións e ademais non se podería garantir o futuro do actual persoal dos Parques de Bombeiros.
A continuación, o deputado responsable das emerxencias, Carlos López Font, sinalaba que o goberno da Deputación ten como principio o control exhaustivo das empresas que realizan servizos públicos e afirmou que non hai informes negativos sobre Matinsa. A intervención foi contestada por un bombeiro que se atopaba no patio de butacas: "levamos catro anos sen camión". A continuación, o socialista López Font afirmou que co novo xerente encargado dos parques, as instalaciónes atópanse en bo estado. Nese momento, os bombeiros fixeron soar as súas protestas, aplaudiron e, acto seguido, abandonaron o edificio criticando a política do goberno bipartito.
Pola súa banda, Ángel Moldes criticou ao goberno provincial a súa incapacidade para realizar un proxecto alternativo, distinto ao que presentara Louzán e acusou de mentir a socialistas e nacionalistas por prometer ao principio do mandato aos traballadores dos Parques de Bombeiros que se ían a facer públicos.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, finalizou o debate criticando a postura do PP por pedir que se retirase a palabra "cabuxa" mentres que eles acusábaos de mentireiros. A máxima mandataria afirmou que se está realizando un control absoluto sobre Matinsa e se mellorou o servizo con instrumental nos últimos tempos. Apuntou tamén que converter un servizo destas características en público leva un procedemento moi complicado e sinalou o exemplo do que está a suceder na Coruña, onde levan dous anos sen que se resolva. Tanto o PSOE como o BNG son partidarios de que este servizo poida contar con xestión pública a partir de 2021.
A proposta do grupo mixto de realizar la auditoría a Matinsa foi finalmente rexeitada por 14 votos en contra dos deputados socialistas e nacionalistas fronte aos 13 a favor do Partido Popular e Coalición Son.
O presidente do comité de Matinsa, que tamén se chama Ángel Moldes, como o portavoz do PP, mostrou o seu malestar ante esta decisión e considera que se está incumprindo o contrato por parte da empresa. Asegura que estudarán a posibilidade de acudir a Fiscalía se o Consorcio Provincial de Bombeiros de Pontevedra, que depende da Xunta e da Deputación, non adopta medidas. Ademais, insistiu en que continuarán cun calendario de protestas ante o goberno da Deputación Provincial porque non comparten os argumentos expostos neste pleno.
Relacionadas:
-
Aproban a equiparación salarial dos bombeiros do consorcio provincial
Por Oskar Viéitez & Paula Sanmartín |
-
Denuncian que O Morrazo quedou temporalmente cun bombeiro menos e sen un vehículo de excarceración
Por Anxo Lourido |
-
Ángel Moldes, de novo contra Carmela Silva pola comarcalización dos bombeiros: "Está perdida neste tema"
Por Redacción |
-
Lores insta á Xunta a que "nos digan o que queren" co parque de bombeiros
Por Alejandro Espiño |
-
O pleno da Deputación aproba "o mellor orzamento da súa historia": 157 millóns de euros
Por Redacción |
-
Os bombeiros do consorcio provincial acudirán ao pleno da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Os bombeiros do consorcio manifestaranse "contra os incumprimentos de Matinsa"
Por Redacción |
-
Os bombeiros do consorcio provincial volven levar as súas denuncias á Inspección de Traballo
Por Redacción |
-
Os bombeiros do consorcio provincial acoden ao xulgado
Por Redacción |
-
A Deputación pide á Xunta un informe técnico que demostre a eficiencia da comarcalización dos parques de bombeiros
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |