Ponte Caldelas rectifica e programa de novo a festa nocturna de Fin de Ano
Por Redacción
O goberno municipal dá marcha atrás. A melloría nas previsións meteorolóxicas para o domingo levaron ao Concello de Ponte Caldelas a retomar a festa nocturna de Noitevella que tiña decidido suspender.
A gran carpa colocarase na praza de España, coincidindo co espazo que ocupa a parada de taxis, e o camión-escenario da orquestra situarase na avenida de Vigo, que quedará pechada ao tráfico co obxectivo de garantir un solo en condicións adecuadas.
A decisión foi adoptada esta mesma mañá despois de acreditar o cambio nas previsións cunha conversa cos técnicos de Meteogalicia, que confirmaron que o temporal amainará pola tarde e, a medida que vaia avanzando o día, as choivas serán cada vez máis improbables.
Á unha da madrugada, hora de comezo da festa de Noitevella, coa actuación da orquestra Miramar, as boas condicións meteorolóxicas están aseguradas case ao 100%.
O alcalde recalca que ao optar pola praza de España para situar a carpa o público asistente poderá gozar dun pavimento adecuado e libre de barro. A carpa instálase habitualmente na Alameda, pero nesta ocasión considérase que non é o emprazamento máis adecuado. Desmontarase ao día seguinte para recuperar a normalidade neste espazo urbano.
Sen embargo, mantense a suspensión da toma anticipada das uvas diante da Casa da Cultura para as 12 horas do domingo, dado que a esa hora se darán as peores condicións meteorolóxicas de toda a xornada con fortes ventos e choivas.