Aberto xuízo oral contra o narcotraficante Marcial Dorado por blanqueo
Por Oskar Viéitez
A Operación Retro-Fornos sentará no banquiño ao narcotraficante Marcial Dorado xunto a outras 14 persoas, entre eles, tres dos seus fillos.
O xuíz da Audiencia Nacional, Javier Gómez Bermúdez imputa a Marcial Dorado Baúlde como o xefe da organización criminal e pide para el 15 anos de cárcere, 42 millóns de multa e a inhabilitación para recibir axudas públicas por delitos de blanqueo, contra a Facenda pública e revelación de segredos.
O maxistrado Bermúdez tamén solicita o embargo de todos o bens mobles e inmobles de Dorado e o diñeiro en metálico dos depósitos bancarios bloqueados e as sociedades. O embargo afecta tamén ás propiedades da anterior muller de Dorado, María Fariñas, en calidade de beneficiaria.
En canto ás empresas do acusado, ordénase que se disolva o entramado da organización criminal "e o comiso de capital respectivo das sociedades españolas e estranxeiras".
Dorado que cumpre prisión en Topas por unha condena de 10 anos por tráfico de cocaína, deberá pagar unha fianza de 794.133 euros por responsabilidade civil, ou pola contra, a Xustiza decretará o embargo dos seus bens. Para os seus fillos, o xuíz pide 6 anos de cárcere por branqueo e 22 millóns de multa.