Pechan a rúa Otero Pedrayo polo "risco inminente" de caída do muro do Albergue de Peregrinos
Por Anxo Lourido
Ás 13.30 horas da tarde deste xoves, a Policía Local por orde do goberno local de Pontevedra pechaba a rúa Otero Pedrayo ao tráfico debido ao perigo de caída dunha parte do muro de contención do Albergue de Peregrinos, situada nas proximidades á ponte na zona onde se atopa o asentamento chabolista. O equipo de enxeñería municipal revisou a "barriga" deste muro e os técnicos observaron que a evolución resultaba perigosa.
Desde o Concello de Pontevedra trasladouse xa a notificación ao Xacobeo, como responsable das instalacións do Albergue, para que adopte as medidas oportunas e apontoe o muro para evitar desprendementos sobre a beirarrúa e a calzada.
Polo momento, a zona atópase valada e os peóns teñen que circular polas proximidades do río Gafos ante o "risco inminente" de caída. Só se permite o acceso con vehículos aos residentes na zona. A medida está a provocar retencións de tráfico na contorna da estación de trens.
Desde a Xunta de Galicia confirmouse ao Concello que o Albergue está pechado nestas datas, así que non se prevé a presenza de peregrinos nas instalacións.
Relacionadas:
-
A reparación do muro de contención do albergue de peregrinos, en marcha
Por Alejandro Espiño |
-
A reparación do muro da rúa Otero Pedrayo está pendente do Xacobeo
Por Oskar Viéitez |
-
Técnicos municipais e do Xacobeo avalían a situación do muro do albergue de peregrinos
Por Redacción |
-
A rúa Otero Pedrayo, cortada durante tres semanas por obras
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |