O Porto de Marín alcanza os 2,3 millóns de toneladas ata novembro
Por Oskar Viéitez
O tráfico de mercadorías no Porto de Marín subiu un 10,5% entre os meses de xaneiro e novembro en relación ao mesmo período do ano anterior.
A falta dun mes para pechar o exercicio, o tráfico de mercadorías manipuladas nos peiraos de Marín xa alcanza os 2,3 millóns de toneladas, unha cifra similar á rexistrada o pasado ano en todo o exercicio. Deste xeito, o porto volvería marcar cifras históricas por terceiro exercicio consecutivo ao finalizar 2017.
A previsión é pechar o exercicio cun movemento total próximo aos dous millóns e medio de toneladas.
O capítulo que rexistra un maior incremento é o de mercadoría xeral, cunha subida do 30%. Ademais, ata o mes de outubro, 485 mercantes fixeron escala nos peiraos de Marín, cun GT ou capacidade superior á do pasado ano.
O crecemento dáse en xeral en todos os capítulos, pero destacan os de mercadorías estratéxicas para o Porto de Marín como os colectores, a froita, a pasta de papel, os compoñentes eólicos ou a pesca conxelada.