A ONCE renuncia a construír o novo Centro de Recursos educativos nos terreos de 12 de novembro
Por Redacción
A Organización Nacional de Cegos (ONCE) alcanzou un acordo co goberno de Pontevedra para modificar o convenio de 2006 no que estaba previsto que levase a cabo un proxecto residencial na rúa 12 de novembro, que lle cedía o Concello para a creación dun novo Centro de Recursos educativos cun espazo para aparcadoiro. Aquel convenio establecía a permuta da residencia do complexo educativo, que agora é ocupada polo Centro Social Sur, por esa parcela da Unidade 18, entre Eduardo Pondal e 12 de novembro.
Aquel convenio, asinado antes da crise económica, non chegou a facerse efectivo coa creación do inmoble. Agora a ONCE decidiu non afrontar ese proxecto de construción do novo edificio. A organización comprométese a manter o colexio nas actuais instalacións e acometer un proxecto de urbanización da zona, segundo explicaba este xoves a concelleira Anabel Gulías. A responsable de Promoción Económica sinalou que a modificación do convenio conta co visto e prace do goberno local xa que a ONCE ten previsto iniciar o proxecto de urbanización co viario que conecta a zona sur da cidade, entre o Colexio Santiago Apóstolo da ONCE en Campolongo e o Instituto Torrente Ballester. O investimento será de medio millón de euros e a intención é que a obra se inicie ao longo de 2018, despois de que se redacte e asínese o novo convenio. Tamén está previsto darlle continuidade a esta vía até San Brais. Ademais, estúdase a propia urbanización da parcela, onde o Concello obterá edificabilidade pola diferencia de valor entre a parcela do Colexio e a da U-18. Este útimo punto aínda está pendente de que se concrete.
Pola súa banda, o Concello comprométese a incrementar a porcentaxe de edificabilidade. Gulías indicaba que se estudará a posibilidade de establecelo nun 10%.
O terreo da Unidade 18 que volve a propiedade do Concello quedará, polo momento, á espera de calquera proxecto que poida xurdir para esa parcela.
Relacionadas:
-
O goberno local non ve "oportuna" a parcela de 12 de Novembro para crear un aparcadoiro disuasorio
Por Anxo Lourido |
-
Barallan varias propostas para o solar ao que renunciou a ONCE
Por Oskar Viéitez |
-
Os socialistas demandan o arranxo da antiga residencia da ONCE para o seu uso por asociacións de iniciativa social
Por Oskar Viéitez |
-
O centro da ONCE en Pontevedra celebra 75 anos sendo referente de formación de estudantes
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O PP carga contra o goberno local pola renuncia da ONCE a construír o novo Centro de Recursos Educativos
Por Redacción |
-
A ONCE reactiva o seu convenio urbanístico co Concello de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |